Convenio para a promoción do turismo de negocios

Turismo de Galicia, a Asociación Galega de Feiras e Eventos e a  Asociación de Palacios de Congresos de Galicia asinaron un convenio de colaboración para a promoción do turismo de negocios na comunidade. O obxecto do acordo é a promoción conxunta de Galicia como destino turístico para os viaxeiros de negocios. 

En virtude deste acordo, AGAFE levará a cabo unha campaña de promoción a través dun stand permanente en Expourense co obxecto de informar aos profesionais e ao público nacional e internacional e captar novos socios para o sector. De igual xeito levarán adiante actividades formativas coa celebración de cursos para o segmento MICE e un curso de novas tecnoloxías para o desenvolvemento dos produtos e servizos relacionados coas feiras, congresos e eventos.

Deste xeito preténdese atraer empresas promotoras e organizadoras de eventos á comunidade; favorecer a eficiencia na xestión de infraestruturas e empresas organizadoras así como a calidade do servizo ás empresas e organizacións de clientes. De igual modo, impulsarase un plan de comunicación como instrumento de marketing ao servizo das empresas e outros usuarios que proxecte unha imaxe moderna e competitiva do destino.


Pola súa banda, a Asociación de Palacios de Congresos de Galicia participará nunha das feiras máis destacadas do sector MICE –Meetings, incentives, conferences and exhibitions- a nivel internacional, a EIBTM de Barcelona que se celebrará do 19 ao 21 de novembro, en calidade de coexpositor no stand de Turespaña. O obxectivo desta acción é acadar a promoción das instalacións dos palacios de congresos como sedes de reunións de empresas e congresos.