O peregrino |
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo,
asistiu esta tarde no Palacio Bonacquisti de Asís (Italia) á inauguración da
exposición ‘Peregrino e Novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago’ que
marca o comezo da programación cultural que o Goberno Autonómico desenvolve ata
o vindeiro exercicio de 2015 en conmemoración dos 800 anos da peregrinación de San
Francisco de Asís a Santiago. Neste acto, o titular do Executivo galego reafirmou
a unión existente entre as dúas cidades asegurando que a celebración desta
efeméride “reedita o espírito universal compartido por Asís e Compostela,
establece un forte vínculo entre o Museo da Terra Santa e o Museo Catedralicio,
e como non, esperta a xenerosidade de todos os pobos que nos visitan a uns e a
outros”.
O titular da Xunta asegurou que, ao abeiro desta
celebración, a Xunta de Galicia desenvolverá “unha ambiciosa programación
cultural que renda homenaxe ao fundador da Orde Franciscana e un dos relixiosos
máis importantes da haxiografía mundial”. Ao fío desta idea subliñou que, entre
outros motivos, “Galicia tamén rende tributo a San Francisco de Asís porque no
seu momento, o santo fixo o mesmo coa nosa terra. Por iso peregrinou a
Santiago”.
No tocante aos Camiño, o responsable da Xunta recordou como “tras a
aprobación da delimitación do trazado dos Camiños Francés e Primitivo, a Xunta
de Galicia incoou a delimitación do Camiño Inglés e traballa nos trazados do
Camiño Portugués e do Norte pola costa”. Ademais sinalou que “no período
comprendido entre os anos 2009 e 2012, a Xunta investiu máis de 1,2 millóns de
euros para a posta en valor da Catedral de Santiago, meta de todos os camiños”.