Galicia lidera o crecemento do volume de viaxeiros a nivel
estatal. A cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos de aloxamento
regrado de Galicia subiu un 8,4% neste mes de xullo a respecto do mesmo mes de
2012, con preto de 520.000 viaxeiros.
A cifra de pernoitas neste mesmo período -con 1.238.682-
subiu tamén nun 2,7% a respecto das rexistradas no mesmo mes do ano pasado. Por
primeira vez dende o ano 2006, exceptuando o ano Xacobeo, Galicia mellora as
súas cifras de demanda turística neste mes de xullo.
O incremento da demanda prodúcese como consecuencia do bo
comportamento experimentado tanto polo mercado nacional, que medra un 1,8%,
coma polo internacional, o cal supera nun 11,6% a cifra de viaxeiros e nun 7,4%
o nivel de pernoctacións de xullo do 2012.
O turismo internacional acada un máximo de viaxeiros en
xullo, con algo máis de 121.000 no conxunto da comunidade, así como de peso na
estrutura da demanda ao supoñer o 23,4% do total dos viaxeiros de aloxamento
regrado.
Nos primeiros sete meses deste ano 2013 Galicia rexistra un
incremento do volume de viaxeiros aloxados do 2,7% ata situarse preto do 2
millóns de viaxeiros e máis de 4 millóns de pernoitas.
O incremento da demanda prodúcese por unha mellora
importante do turismo internacional, que acumula un crecemento do 13% nos
viaxeiros e do 8,9% nas pernoitas. Isto supón que o mercado internacional acada
cotas nunca antes coñecidas representando o 25% do total de viaxeiros aloxados
e o 21,3% das pernoitas nos primeiros sete meses deste ano 2013.