Medra o tráfico portuario nos peiraos autonómicos

O tráfico portuario de mercadorías nos peiraos de titularidade autonómica rexistrou un incremento interanual do 4,5% ao peche do primeiro  semestre do ano. Segundo o último informe de xestión de Portos de Galicia, correspondente ao mes de xuño, o movemento de mercadorías acumulado nos seis primeiros meses de 2013  situouse en 1.005.000 toneladas, fronte ás 961.356 do pasado ano.

Nunha análise porto a porto, os peiraos que lideran esta actividade no acumulado do exercicio actual son os de Cariño, con 272.295 toneladas acumuladas nos seis primeiros meses de ano; Ribadeo, con 236.460 toneladas; e Brens-Cee, con 212.456 toneladas. A este respecto cómpre destacar o incremento de actividade do peirao de Burela, que foi o que rexistrou a maior suba respecto ao acumulado no mesmo periodo de 2012, co movemento de 145.847 toneladas de mercadorías, o 123% máis que o anterior exercicio.

En canto ás mercadorías principais cargadas e descargadas nestes peiraos, no de Cariño destaca o mineral de dunita, mentres que en Ribadeo a predominante é a pasta de papel, e en Cee o mineral de manganeso.

Finalmente, o informe de xestión do mes de xuño, no seu rexistro acumulado do primeiro semestre do ano recolle o balance de descarga de pesca fresca, que se situou en 39.344 toneladas. Os peiraos con maior actividade neste sentido foron os de Ribeira, con 13.600 toneladas; Burela, con 8.846; e Celeiro, con 7.427.