Turismo de
Galicia, a través da S.A de Xestión do Plan Xacobeo, participará desde o
próximo xoves 29 de agosto e ata o domingo 1 de maio na cuarta edición da feira
de carácter relixioso Expo Católica, que terá lugar no recinto feiral do World
Trade Center de México Distrito Federal.
Esta feira
celébrase cada ano nunha cidade mexicana distinta e a pasada edición, na que
Galicia tamén estivo presente, foi na cidade de Guadalajara, no estado de
Jalisco. Co seu carácter internacional,
nesta feira reúnense expositores de diferentes países como Bolivia, Colombia,
Estados Unidos e España, ademais de numerosos procedentes de todo México.
Galicia
participa cun stand de 18 metros
cadrados no que se repartirá material promocional e informativo dos diferentes
Camiños de Santiago, respondendo así ao grande interese que alí suscita a
peregrinación a Santiago, dado que México é a nación de fala hispana que máis
peregrinos achega despois de España.
Na feira, na
que os visitantes poden acceder de balde, exporanse toda clase de obxectos e
servizos relacionados co culto católico, ademais de destinos e produtos propios
do turismo relixioso. A oferta complétase con múltiples actividades
complementarias como conferencias, charlas e talleres. Entre outros asistentes,
participarán congregacións relixiosas, parroquias e outras entidades católicas.
Os lemas desta nova edición son “Todos xuntos” e “Celebra a vida” e para a súa
promoción e difusión contarase co apoio de Radio María e María Visión.
México é o
país de fala hispana que máis peregrinos achega ao Camiño de Santiago despois
de España. Durante todo o 2012 realizaron o Camiño 1.047 peregrinos procedentes
de México. Desde o 1 de xaneiro do 2013 ata o día de hoxe recolleron a
Compostela un total de 838 mexicanos, o que representa un incremento do 26,78%
con respecto as mesmas datas do ano anterior.