A Asociación Hostelería Compostela vai organizar no vindeiro
mes de setembro tres obradoiros de cociña monográficos denominados, ‘A cociña do
arroz’, ‘Repostería’ e ‘Alta cociña a baixo custo’, dirixidos a todas aquelas
persoas que desexen afondar nen diferentes eidos da nosa cultura gastronómica,
dende coñecer o mundo do arroz e perfeccionar os seus pratos, até elaborar unha
amplia variedade de postres ou realizar pratos suxerentes con produtos
económicos e de tempada. Estes obradoiros son totalmente prácticos e os alumnos
van dispor dunha cociña individual para a elaboración das suas receitas, que
degustarán ao remate de cada xornada. As
prazas son limitadas e o prazo de inscrición xa está aberto.
A partir do día 2 de setembro, o Centro de Formación e
Cultura Gastronómica de Hostelería Compostela tamén vai acolller dous “Cursos
de Camareiro de Restaurante e Bar”, de 50 horas de duración, un en horario de
mañás e outro de tardes, dentro do Pacto Local de Emprego, dirixido a persoas
en paro. Estes cursos enmárcanse dentro das actividades para a inserción
laboral de desempregados que dende a súa inauguración en 1997, desenvolve o
Centro de Formación e Cultura Gastronómica de Hostelería Compostela. Nestas
accións formativas, cun enfoque fundamentalmente práctico, os alumnos e alumnas
van poder iniciarse nas técnicas do servizo de cafetería e tamén na montaxe do
servizo dun restaurante, con 15 persoas por grupo.