A directora
de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, recibiu en Santiago a
unha delegación de peregrinos procedentes da illa nipona de Shikoku. A
delegación iniciou deste xeito as visitas institucionais para establecer unha liña
de colaboración entre a promoción do Camiño de Santiago e a promoción do
Shikoku Henro, unha viaxe relixiosa por 88 templos que rodea a illa de Xapón e
que consta duns 1.200 quilómetros de percorrido. Esta peregrinación iniciouna
hai máis de 1.200 anos o gran monxe Kobo Daishi Kukau que realizou este percorrido co obxectivo de
levar a cabo unha formación persoal. Cada ano medio millón de persoas realiza
este percorrido.
Durante uns
días, os integrantes desta delegación procedente de Xapón percorreron a Ruta
Xacobea polo Camiño Francés e hoxe mesmo achegábanse tamén a coñecer Fisterra.
Os integrantes da delegación, entre os que se atopaban os responsables de dous
dos 88 templos que conforman o Shikoku Henro, amosaron gran interese pola Ruta
Xacobea e por establecer liñas de colaboración mutua na difusión, promoción e
divulgación de ambas peregrinacións milenarias.
Representantes
de Turismo de Galicia viaxarán en breve á illa nipona para coñecer de preto as
singularidades da ruta e para traballar en futuras colaboracións conxuntas de
cara a estreitar os lazos entre ambas peregrinacións.
A ruta
Shikoku pode percorrerse a pé pero tamén en bicicleta, en moto ou en coche. É
unha ruta centrada na natureza e na contemplación da paisaxe, así como no
patrimonio e a tradición.