O Consello da Xunta informou sobre o balance turístico do verán 2013 en Galicia. Segundo o informe que analiza os resultados da Enquisa de Ocupación Hoteleira do INE para Galicia correspondente ao período estival –meses de xullo e agosto-, Galicia rexistrou neste verán un crecemento importante dos niveis de demanda hoteleira, superando nun 12,2% a cifra de viaxeiros aloxados – rexistrando máis dun millón de viaxeiros no conxunto da comunidade- en un 6,7% o nivel de pernoitas rexistradas, con 2,2 millóns.
Nos últimos once anos, Galicia so tiña conseguido superar o millón de viaxeiros no período estival nos anos 2005 e 2010. En termos de viaxeiros aloxados, o crecemento rexistrado neste ano é o máis elevado dende o ano 2004.
A nivel estatal, Galicia lidera o crecemento do volume de viaxeiros e o mercado hoteleiro do noroeste peninsular en termos de volume. É a segunda vez dende o ano 2005 que a ocupación hoteleira en Galicia se incrementa no período estival, e a primeira nun ano non Xacobeo.
O turismo internacional representa o 18,3% do total da demanda, con preto de 230 mil viaxeiros aloxados e 400 mil pernoitas nos hoteis e pensións. Estas cifras supoñen máximos históricos na comunidade, tanto en volume como en peso dentro da estrutura da demanda. A nivel de mercados, o crecemento máis intenso corresponde ao mercado internacional, cun 11% máis que o ano pasado. O interno medrou un 4% e o nacional un 6%.