O compromiso da
Xunta de Galicia coa óptima conservación da Catedral de Santiago volve poñerse
de manifesto co seu impulso á inminente restauración da fachada do Obradoiro. O
presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou esta semana este compromiso
aos representantes do templo, nunha reunión que mantivo, xunto co conselleiro
de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, co director da
Fundación Catedral, Daniel Lorenzo e co administrador da mesma, Francisco
Domínguez, así como co deán da Catedral, Segundo Pérez.
Na reunión, os
representantes eclesiásticos fixeron entrega ao presidente da Xunta do proxecto
básico e de execución das obras, participadas pola Xunta a través do Consorcio
de Santiago, que achega o 74,8 do orzamento,
e que comezarán proximamente e teñen prevista unha duración de 18 meses.
O seu obxectivo é realizar unha
restauración integral das dúas torres da fachada do Obradoiro e parcialmente da
fachada central.
Unhas actuacións,
que atendendo aos resultados do análise e estudo realizado sobre o Pórtico polo
Programa Catedral, teñen como finalidade atallar e corrixir as patoloxías que
provocan un problema de humidades no interior dos muros da fachada e que
afectan ás bóvedas e fábricas da Tribunal e do Nártex, e tamén ao conxunto
escultórico do Pórtico da Gloria.
Na reunión, o
mandatario autonómico puxo en valor a
relevancia da Catedral como gran valor da arquitectura eclesiástica de Galicia,
así como o seu carácter de principal activo de atracción turística da
Comunidade. A ese respecto, Feijóo manifestou o compromiso da Xunta de apoiar de forma activa nos traballos
destinados a preservar o templo nas mellores condicións, así como os labores de
restauración previstos.