O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe
a Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se homologa o contrato
tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño na zona de
produción da Denominación de Orixe Rías Baixas, cun período de vixencia
correspondente ás campañas vitícolas 2013, 2014 e 2015. O obxectivo é que os
operadores do sector dispoñan dun instrumento útil para dotar de transparencia
o mercado, mellorando a concorrencia deste.
A solicitude de homologación foi formulada por
representantes do sector produtor –Xóvenes Agricultores-ASAJA, Sindicato
Labrego Galego e Federación Rural Galega-Asociación Galega de Viticultura- e do
sector elaborador desta D.O. –Asociación de Adegas do Salnés, Asociación Marcas
Rías Baixas, Asociación Empresarios Bodegueros Rías Baixas e as adegas Viña
Almirante, Bodegas Eidosela e Bodegas Martín Códax-.
O control e seguimento do cumprimento dos
contratos corresponderá a unha comisión composta de forma paritaria polos
representantes dos produtores e das adegas da D.O. asinantes da solicitude de
homologación do contrato tipo.
Calquera diferenza que puidera xurdir entre as
partes en relación coa interpretación ou execución dos contratos, e que non
puidera ser resolto de mutuo acordo, ou pola Comisión de Seguimento, someterase
á arbitraxe da Consellería do Medio Rural e do Mar.