A Organización Mundial do Turismo escolleu
este ano como lema para celebrar o Día Mundial do Turismo o seguinte: ‘Turismo
e Auga: protexer o noso futuro común’. A celebración desta conmemoración anual
coincide neste 2013 co Ano Internacional de Cooperación na Esfera da Auga,
declarado por Nacións Unidas.
Con este motivo, Turismo de Galicia escolleu
esta xornada de celebración do Día Mundial do Turismo dedicado á auga para
anunciar a creación do Club de Produto Turístico da Auga de Galicia. Segundo
explicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, “en Galicia
a auga é un elemento endóxeno, isto é, un dos elementos con maiores potencialidiades
para xerar experiencias turísticas singulares xerar novos fluxos e evitar a
estacionalidade.
Co obxectivo de promover o desenvolvemento de
experiencias turísticas singulares, xerar novos fluxos e evitar a
estacionalidade créase este club que constitúe unha iniciativa pioneira no
sector turístico nacional e cuxa finalidade é articular unha oferta atractiva de experiencias
turísticas relacionadas coa auga, así como impulsar o sector para mellorar o
uso, consumo e aproveitamento do recurso para garantir a súa sustentabilidade. Turismo
de Galicia creará o marco conceptual e de requisitos do Club para a súa posta
en marcha e desenvolvemento.
Segundo explicou Nava
Castro, o club permitirá a coordinación entre os axentes; a participación
activa e conxunta; a mellora da calidade; a aposta pola sustentabilidade e a innovación
e especialización no sector. “Con isto, crearase marca e ofreceranse produtos
especializados e adaptados a novas demandas e segmentos de demanda”, dixo. E
engadiu que con isto se conseguirá mellor capacitación, maior eficiencia na
promoción e comercialización e mellor posicionamento.