A directora
de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, interveu esta mañá na
conferencia-coloquio organizada pola asociación de Amigos da Cociña Galega no
marco das xornadas que celebran esta semana en Sanxenxo para conmemorar o 25
aniversario da asociación coa II Reunión Anual Amigos da Cociña Galega.
No relatorio
interviñeron tamén Manuel Domínguez Carrete; Propietario do Restaurante Lúa
–novo membro en incorporarse á asociación-; José Mª Cano González, representante
de Jamones Carrasco e mais Ángel Benavente, profesor responsable de Servizos do
Centro Superior de Hostelería de Galicia.
A directora
de Turismo resaltou a autenticidade da cociña galega e o feito de que a nosa
tradición culinaria de Galicia pasara de xeración en xeración co sabor natural
dos produtos como elemento clave. Ao tempo, a directora resaltou as
potencialidades de Galicia como destino gastronómico e incidiu en que Galicia é
a rexión con maior variedade de produtos do mar do mundo; o primeiro produtor e
consumidor español de pescado; e tamén sinalou que contamos cunha trintena de
produtos con algún distintivo europeo de calidade.
Nava Castro
incidiu na calidade que caracteriza á gastronomía galega e nos distintivos e
galardóns que locen os establecementos de restauración de Galicia como as 11
Estrelas Michelin e os 28 Soles Repsol que nos distinguen; así como os 48
establecementos de restauración galegos distinguidos coa Q de Calidade
Turística.
Ao tempo, a
directora de Turismo de Galicia explicou o traballo do seu departamento no
desenvolvemento do Plan de Enogastronomía de Galicia e explicou que o obxectivo deste plan é converter
a Galicia nun destino enogastronómico atractivo e de gran calidade ao contar
cunha gama de servizos e produtos turísticos experienciais ligados a súa propia
identidade e á singularidade da súa gastronomía e viños.