Foto Xunta: Conchi Paz |
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo,
destacou hoxe que, desde 2009, o Goberno galego leva concedido máis de 13
millóns de euros en axudas á I+D+i no sector da pesca e a conserva, e avogou
por facer da biotecnoloxía a chave para a plena explotación dos nosos recursos
mariños. Así o manifestou esta mañá na inauguración do XIV Simposio
Internacional de Produtos Naturais Mariños, que se celebra esta semana na Illa
da Toxa, onde ratificou a aposta da Xunta por facer da innovación ligada ao
sector do mar “un itinerario de futuro”.
O mandatario galego salientou que nun futuro
inmediato “a pauta que encauzará e intensificará” o apoio do Goberno galego á
I+D+i será a Estratexia de Especialización Intelixente, que será presentada
“proximamente”, e que situará o sector do mar como un dos “puntos fortes” da
innovación en Galicia. Este programa, dixo, será a “axenda de innovación
idónea” para a nosa Comunidade porque “terá moi en conta o importante
posicionamento de Galicia no eido da biotecnoloxía”, que “actuará como panca no
avance futuro de sectores como o dos produtos do mar”, asegurou.
“A Xunta quere facer da I+D+i un itinerario
de futuro ao que sumar a nosa vinculación ao mundo do mar coma un valor engadido”,
afirmou o presidente, quen apuntou que o Executivo autonómico está dando
soporte ao sector produtivo marítimo galego para que poida innovar, abrirse a
novos mercados e industrias e, en consecuencia, competir e crecer desde unha
sólida base. Nesta liña, apuntou que a Xunta ten mobilizado máis de 22 millóns
de euros entre as dúas convocatorias do programa FEDER-Innterconecta; a última,
resolta recentemente cunha partida aprobada de 17 millóns de euros.
“Iso significa que o sector que vostedes
representan recibiu máis do 10 por cento do total dos recursos mobilizados a
través das convocatorias Innterconecta que, en total, suman 210 millóns de
euros. Galicia é unha das poucas comunidades que subscribiron dúas veces
consecutivas este programa porque temos unha situación financeira que nos
permite contar con recursos propios para cofinancialos pero, tamén, porque
contamos coa sensibilidade do Goberno de España”, sinalou.