Pementos de Herbón de zona BIC

O Consello da Xunta declarou ben de interese cultural (BIC), coa categoría de monumento, o Convento Franciscano de Santo Antonio de Herbón, no termo municipal  de Padrón. Esta medida dá a máxima protección para esta mostra excepcional da arquitectura relixiosa en Galicia, á vez que atende ás peticións do propio Concello de Padrón e da comunidade veciñal, que solicitaban a compatibilidade coa actividade agraria, en especial co cultivo do pemento de Herbón, dentro do ámbito de protección do ben, sempre que se manteñan a estrutura territorial e as características xerais da paisaxe cultural do ámbito, fundamentalmente agraria. Deste xeito, compatibilizarase a protección como BIC co respecto á economía agraria local.

O ámbito de protección do BIC estenderase ao outro lado do río Ulla, incluíndo o bosque autóctono tradicional que rodea o convento. Ademais, a maiores do conxunto de elementos que compoñen o complexo conventual de Santo Antonio de Herbón, a franxa incluirá tamén a Igrexa de Santa María de Herbón, que xa en si mesma está declarada como ben de interese cultural. O obxectivo é elaborar un contorno homoxéneo que garanta a preservación deste espazo e a súa contemplación, tanto desde o propio ben como desde os puntos de vista próximos.