Galicia
rexistrou en agosto o máximo histórico de viaxeiros aloxados nos
establecementos regrados, superando incluso en algo máis de 1.000 aos
computados no Ano Santo 2010. Porcentualmente, a suba é a máis elevada dos
últimos once anos, segundo informa a Xunta.
Galicia rexistrou
no mes de agosto unha cifra de viaxeiros aloxados en establecementos regrados
de 727.733, isto é, un 11,6% máis que os rexistrados no mesmo mes do ano
pasado. Tamén as pernoitas experimentaron unha suba do 6,5%, con 1.826.503
pernoitas rexistradas en hoteis, pensións, casas de turismo rural, apartamentos
turísticos e cámpings. Deste xeito, os establecementos extrahoteleiros galegos,
cuxos datos fixo públicos hoxe o Instituto Nacional de Estadística,
experimentaron unha suba na cifra de viaxeiros aloxados do 5,1%, e do 2% na
cifra de pernoitas rexistradas a respecto de agosto de 2012.
A suba máis
importante rexistrouse nos apartamentos turísticos, que incrementaron nun 16,4%
a cifra de viaxeiros. Tamén as casas de turismo rural melloraron as súas cifras
de viaxeiros cun ascenso na cifra global do 9,1% no conxunto da comunidade.
O mercado
nacional medrou un 6,5% e o internacional un 8,4%, acadando o máximo de
viaxeiros aloxados con case 160 mil no conxunto da comunidade e de pernoitas
–superando as 300 mil- así como na estrutura da demanda en agosto supoñendo o
16,6% do total das pernoitas de aloxamento regrado.