A Xunta está
presente na Feira Expomar Cabo Verde para afianzar os lazos comerciais
pesqueiros e socioeconómicos entre Galicia e o país africano. A Consellería do
Medio Rural e do Mar está presente por primeira vez na segunda edición desta
feira cun stand de 36 metros cadrados, que albergará ás empresas
galegas do sector pesqueiro e aos organismos presentes no evento.
O departamento que dirixe Rosa Quintana dá un impulso á promoción dos
produtos pesqueiros de Galicia albergando no seu stand a 5 empresas e
organismos galegos. O secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, visitará as instalacións
o venres e o sábado, co obxectivo de difundir os produtos pesqueiros galegos,
chegar a novos mercados e ampliar as súas posibilidades de negocio.
A feira celébrase
no país africano do 25 ao 27 de outubro. O obxectivo do evento é potenciar o
aproveitamento integral das numerosas posibilidades que o mar proporciona e
promover a competitividade do sector marítimo.