Axudas á plantación de catiñeiros para froito

A Consellería do Medio Rural e do Mar destina 1.940.404 euros á diversificación de plantacións de castiñeiro para froito na convocatoria de 2013. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta orde de axudas que se convocan por primeira vez este ano e que son cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia.

Esta liña de axudas é de aplicación ao ámbito xeográfico de produción da indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia, que comprende a área do territorio da Comunidade autónoma delimitada ao oeste pola Dorsal Galega e pola Serra do Xistral cara ao norte. Poden ser obxecto delas todo tipo de terreos que estean identificados no Sistema de Identificación Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIXPAC).

Así poderán beneficiarse destas axudas as sociedades de fomento forestal, os propietarios particulares de xeito individual, as sociedades ou agrupacións de propietarios particulares legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os pro indivisos, os de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas ou as comunidades de montes veciñais en man común.