Hoxe comeza a veda do lumbrigante e da lagosta
no litoral de Galicia, quedando prohibida a súa captura nas augas galegas ata
que o indique o novo Plan Xeral de Explotación Marisqueira, que se publicará no
Diario Oficial de Galicia previsiblemente a finais deste ano. Por outra banda,
dende hoxe poderase capturar santiaguiño.
A Consellería do Medio Rural e do Mar lembra
que a centola permanece en veda na provincia de Lugo ata o próximo 1 de
decembro; no caso da provincia da Coruña e Pontevedra, este crustáceo non se
poderá capturar ata o 17 de novembro. Tamén cómpre recordar que dende o pasado
28 de xuño e ata o vindeiro 1 de decembro non se poderá extraer boi das nosas
augas.
Cabe destacar que ata a apertura á extracción
destas especies, o Servizo de Gardacostas de Galicia tiña establecido un
sistema específico de vixilancia para controlar o cumprimento das vedas e
evitar a acción furtiva. Precisamente a loita contra o furtivismo é unha das
prioridades da Consellería do Medio Rural e do Mar, de cara á conservación dos
recursos mariños.