Segundo a Administración autonómica, Galicia lidera o crecemento na cifra
de viaxeiros aloxados en establecementos regrados obtendo nos nove primeiros
meses deste ano unha suba do 5,2% na cifra de viaxeiros aloxados. En total,
computáronse 3.116.657 viaxeiros que realizaron 6.716.542 pernoitas, o que
implica unha suba na cifra de pernoitas rexistradas entre xaneiro e setembro de
2013 do 1,8%.
Este incremento da demanda prodúcese
en boa parte por unha mellor importante nas cifras de turistas internacionais
rexistradas. Neses nove meses o turismo internacional ten medrado un 11% no
tocante aos viaxeiros aloxados e un 8% no relativo ás pernoitas. O mercado
internacional acada cotas do 25,1% na cifra de viaxeiros e do 20,5% na de
pernoitas. En total rexistráronse 780 mil viaxeiros internacionais e 1,4
millóns de pernoitas.
Se temos en conta os datos de
setembro, a cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros galegos
en setembro medrou un 7,1% a respecto do mesmo mes de 2012, e a cifra de
pernoitas medrou un 5%. En total, os establecementos hoteleiros galegos
rexistraron en setembro 392.287 viaxeiros e 775.129 pernoitas.
No cómputo global, a
cifra de viaxeiros aloxados no conxunto da oferta regrada medrou un 6,3% e a
cifra de pernoitas rexistradas nos establecementos hoteleiros e extrahoteleiros
de Galicia medrou en setembro un 3,9% a respecto da rexistrada en setembro do
ano pasado.
As cifras son resultado do bo
comportamento experimentado no mes de setembro polo mercado nacional que medrou
un 8% a respecto do mesmo mes do ano pasado. De igual modo, o mercado
internacional subiu en setembro un 4%, superando por primeira vez a barreira
dos 220 mil viaxeiros e o 31,1% do peso na estrutura da demanda.
Se temos en conta os datos do 3º
trimestre de 2013 en comparación co mesmo período de 2012, observase un
incremento na cifra de viaxeiros aloxados no conxunto da oferta regrada de
Galicia do 9,2% e un aumento na cifra de pernoitas do 4,7%. Entre xullo e
setembro aloxáronse en establecementos regrados galegos 1.678.400 viaxeiros,
que realizaron 3.951.063 pernoitas. A suba máis importante rexistrouse nos
hoteis que neste trimestre rexistraron un 10,7% máis de viaxeiros e un 6,2%
máis de pernoitas.