O futuro da industria agrogandeira da provincia deberá pasar
pola internacionalización dos productos, potenciando a diferenciación das
variedades autóctonas tanto nos mercados internos coma nos exteriores. Do mesmo
xeito, os agricultores ourensáns deberán ter presente a innovación nos seus
labores, entendida tanto dende o punto de vista da investigación e o
desenvolvemento, como dende o da diversificación dos productos e o seu
tratamento industrial. Así o concluíron os participantes no primeiro dos seminarios
formativos arredor do sector agroindustrial organizados polo Inorde dentro do
proxecto europeo Promercado.
O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo de Limia
acolleu a cita na que diferentes profesionais do campo abrangueron aspectos
coma as potencialidades da horta ourensá, a comercialización e revalorización
de pequenos froitos ou diferentes estratexias empresariais agroalimentarias,
así coma o desenvolvemento deproductos endóxenos. O Centro de Desenvolvemento
Agroforestal de Riós acollerá este xoves a segunda xornadas destes seminarios.
O proxecto Promercado desenvólvese con tres obxectivos
principais: Identificar, analizar e estructurar os productos endóxenos,
articular a relación entre os productores e a industria, así como desempeñar
labores de comunicación e promoción do sector agrogandeiro ourensán. Del forman
parte a Asociación do Alto Támega, a Universidade de Tras Os Montes (Portugal)
e o Centro Empresarial Transfronteirizo, co Inorde como beneficiario principal.
As funcións de Promercado pasan pola investigación xenética
de razas gandeiras e variedades agrícolas, cun salientable esforzo na
recuperación do autóctono ourensán. Coñecidos son os éxitos da valorización do
porco celta, a ovella galega ou a pita de Mos, entre outros. Segundo explicou o
xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, hoxe é preciso “pensar a cinco ou
seis anos vista, porque da crise está saíndo un novo consumidor con diferentes
hábitos de consumo” e, por iso, é preciso centrar os esforzos “naquilo que nos
queren comprar”. Como exemplo, salientou os cultivos de verza desenvolvidos ó
amparo do Inorde e dos que é cliente a principal cadena portuguesa de
supermercados.