O tráfico portuario
de mercadorías nos peiraos de titularidade autonómica rexistrou un incremento
interanual do 6,9% ao peche do terceiro trimestre do ano. Segundo o último
informe de xestión de Portos de Galicia, correspondente ao mes de setembro, o
movemento de mercadorías acumulado nos 9 primeiros meses de 2013 situouse en
1,54 millóns de toneladas, fronte ao 1,44 do pasado ano.
Nunha análise porto a porto, os peiraos que lideran esta actividade no
acumulado do exercicio actual son os de Cariño, con 415.081 toneladas
acumuladas nos tres primeiros trimestres de ano; Ribadeo, con 377.718 toneladas;
e Brens-Cee, con 298.495 toneladas. Xunto a estas cifras, cómpre destacar o
incremento de actividade experimentado no peirao de Burela, que supera o 137%,
pasando de 94.929 toneladas a 225.213.
Polo que respecta en concreto ao propio mes de setembro, os portos de
maior actividade foron tamén Cariño, Cee e Ribadeo con 50.781, 40.505 e 37.363 toneladas,
respectivamente.
Os portos con maior número de exportacións foron Ribadeo, Cariño e Cee, con 340.558, 295.360 e 173.138 toneladas
respectivamente. A continuación sitúanse os portos de Celeiro (Viveiro) e A
Pobra do Caramiñal, con 101.178 e 71.677 toneladas exportadas durante os
primeiros nove meses do ano.