Turismo de Galicia-Concello de Rieti: Colaboración mutua

No marco das accións incluídas nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago, Turismo de Galicia e o Concello italiano de Rieti asinaron un acordo no que se establecen accións colaborativas entre ambas administracións. De xeito que, en virtude do protocolo, Turismo de Galicia comprométese á produción da mostra Santiago Peregrinatio, cedendo temporalmente a mesma para a súa exposición en Rieti dentro do primeiro semestre do ano 2014. Ao tempo, promoverá accións de difusión e promoción do Cammino di Francesco ao seu paso por Rieti.

Pola súa banda, o compromiso do Comune di Rieti pasa polo préstamo de 3 Beléns orixinarios do Santuario Francesco del Presepe di Greccio para a exposición organizada por Turismo de Galicia a través do Xacobeo Francisco e a memoria do neno Xesús: Belén e Escenas de Nadal na Cultura Barroca, que se celebrará en decembro deste mesmo ano.

De igual modo, Rieti cederá temporalmente a mostra fotográfica Cammino di Francesco con fotos de Stve Mc Curry para a súa exposición en Santiago no primeiro semestre do ano 2014. Ao tempo, promoverá a realización de accións promocionais do Camiño de Santiago.


A cidade de Rieti atópase no centro de Italia e conserva santuarios franciscanos, entre os que destaca o Santuario Francescano de Presepe, o lugar onde se representou o primeiro nacemento vivinte e que está irmandado con Belén, en Palestina.