Vacacións en Paz

Campamento saharauri
A Consellería de Traballo e Benestar colabora este ano coa Asociación “Solidariedade galega co pobo Saharaui” para promover o seu programa “Vacacións en Paz”, a través dun convenio de colaboración dotado con 6.000 euros de orzamento.

A iniciativa consiste no traslado temporal –durante os dous meses de verán- a Galicia de nenos e nenas saharauis procedentes do campamento de refuxiados de Tindouf (Alxeria) para a súa estadía en familias.


O obxectivo é ofrecerlles a oportunidade de coñecer modos de vida distintos ao clima de guerra no que adoitan a estar inmersos, co fin tamén de contribuír á súa formación persoal e enriquecer as súas formas de comunicación e os seus coñecementos.

As familias que participan no programa teñen á súa disposición o asesoramento da asociación, para axudarlles a solucionar aqueles problemas ou incidencias que poidan xurdir. A entidade, ademais, conta co apoio da Xunta á hora de facer fronte ante posibles incidencias.