O Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración de Festas de
Interese Turístico de Galicia para a Feira Franca Medieval de Betanzos, Festa
da Anguía e a Mostra da Caña do País de Valga e para para a Festa da Vieira de
Cambados.
A Feira Franca Medieval de Betanzos pon en valor todo o patrimonio
histórico e cultural que atesoura o núcleo histórico da vila. Ademais, para a concesión
da declaración tívose en conta a singularidade dos actos que conforman a celebración,
dado que o mercado se complementa con numerosas actividades paralelas.
Betanzos acolleu en 2013 a
edición número XVI dunha feira que ten unha afluencia dunhas 150 mil persoas e que incluíu artesanía, cómicos, xogos malabares,
maxia, contacontos, tiro con arco ou cetraría, entre outras actividades.
A Festa da Anguía, en Valga, celébrase desde o ano 1989, en
1991 incorporouse a esta celebración a Mostra da Caña do País. A Festa da Anguía
tense convertido nun gran referente da gastronomía galega, ao que se sumou o atractivo
da augardente, produto típico da zona. Este ano chega á súa edición número XXIII
con múltiples actividades que complementan as degustacións gastronómicas, como un
concurso con degustacións de augardente.
A singularidade da Festa da Vieira baséase en que se trata
da única festa de exaltación deste molusco que se comercializa no porto de
Tragove. Esta festa de exaltación gastronómica conta, ademais, cun amplo
carácter participativo porque está organizada por numerosas asociacións. Cada
ano recibe ademais un número de visitantes que supera os cincuenta mil.