Entre os meses de xaneiro e outubro o conxunto
dos establecementos de oferta regrada de Galicia –hoteis, pensións, casas de
turismo rural, apartamentos turísticos e cámpings- recibiron un total de
3.421.310 viaxeiros que realizaron 7.313,771 pernoitas. Isto supón, con
respecto do mesmo período do ano pasado, unha suba do 4,5% na cifra de turistas
e do 1,2% na de noites. A suba no conxunto do Estado foi do 0,5% en viaxeiros e
do 1% en pernoitas, segundo informa a Xunta.
No que vai de ano, Galicia rexistra a segunda
taxa máis elevada de crecemento dos viaxeiros aloxados en establecementos
regrados, só Murcia sube máis. Nos hoteis e pensións de Galicia a cifra de
turistas subiu un 5,2% de media e nos apartamentos e cámpings, un 2,6% e 2,7%
respectivamente.
É especialmente relevante o crecemento do
turismo internacional neste período xa que medrou a cifra de viaxeiros
estranxeiros aloxados nos dez primeiros meses do ano a respecto do mesmo
período de 2012 un 11%. As pernoitas de viaxeiros internacionais tamén subiron
un 8%. Isto fai que os turistas estranxeiros supoñan xa en Galicia o 25,3% do
total de aloxados. Este segmento acada así o máximo histórico con máis de 865
mil viaxeiros e 1,5 millóns de pernoitas.
De igual modo, se se teñen en conta só os
datos do mes de outubro, Galicia recibiu máis de 83 mil viaxeiros
internacionais que fixeron 140 mil noites en establecementos regrados de
Galicia. Só en outubro o turismo internacional medra 6,1%, acada con isto unha
cota nunha antes rexistrada neste mes.