Turismo de Galicia realizou en MOscú dúas presentacións dirixidas a prensa especializada do sector
turístico e mais aos axentes e touroperadores máis importantes do país. A oferta diferencial do destino Galicia así
como o Camiño de Santiago protagonizaron a exposición realizada por Nava Castro
quen incidiu na posibilidade que a conectividade proporcionada pola aerolínea
Turkish Airlines ofrece para os operadores do mercado ruso á hora de
comercializar o destino Galicia. Galicia está unida con Moscova e coas cidades
rusas de Sochi, Rostov-on-don, Ufa, Kazán, Novosiribirsh e San Petersburgo a
través da conexión aérea directa de Galicia con Istambul.
Así, Nava Castro resaltou as posibilidades que
o destino Galicia ofrece en relación co Camiño de Santiago, a natureza, a
gastronomía, o termalismo ou o turismo activo e cultural. A directora de
Turismo de Galicia recalcou que a nosa comunidade é a meta do Camiño de
Santiago, “o Camiño que fixo Europa” e que a día de hoxe atrae unha media de
200 mil peregrinos ao ano e que conta dende 1987 coa declaración de Primeiro
Itinerario Cultural Europeo e dende 1993 coa de Patrimonio da Humanidade. Nava
Castro fixo fincapé tamén nos outros tres Patrimonios da Humanidade de Galicia:
a muralla de Lugo, a Torre de Hércules e mais a catedral e o casco histórico de
Santiago de Compostela.
Ao tempo, incidiu nas potencialidades do noso
destino no relacionado co turismo enogastronómico, coa calidade das materias
primas e dos servizos que conforman a oferta de restauración da comunidade así
como coa posibilidade de descubrir o noso territorio a través do enoturismo e
das nosas cinco Denominacións de Orixe Protexida vitivinícolas. A natureza,
como primeiro reclamo para os viaxeiros que visitan Galicia tamén ocupou un lugar
destacado na presentación da directora de Turismo, quen incidiu nas
potencialidades do destino para a práctica do turismo activo, o sendeirismo, a
náutica, o golf, o surf, etc. De igual, modo, o turismo termal e as
potencialidades de Galicia neste eido centraron boa parte da exposición, así
como os recursos patrimonais, culturais, a etnografía e a artesanía.