O proxecto PROAMARE e a ruta deseñada polos socios desta
iniciativa europea cara a posta en valor do patrimonio marítimo con fins
turísticos foron presentados por técnicos do Centro Tecnolóxico do Mar no
transcurso dunha xornada que reuniu a expertos nesta materia na sede da
Fundación en Vigo.
A directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, foi a
encargada de abrir a xornada cun relatorio no que afirmou que favorecer a
diversificación económica das comunidades costeiras e garantir o mantemento
óptimo dos bens materiais e inmateriais a conservar no litoral son obxectivos
“cada vez máis en auxe”.
Mostrou así a súa confianza en que iniciativas como o
proxecto PROAMARE, no que a Fundación CETMAR ven traballando xunto á Deputación
de Pontevedra, Cámara de Caminha, CIM Alto Minho e Fundaçao Gil Eannes,
contribúan á conservación e posta en valor do patrimonio marítimo, e avogou
pola colaboración das institucións, da iniciativa privada e das asociacións
vinculadas a este ámbito no cumprimento desta tarefa.
A presentación da ruta marítima entre Galicia e o Norte de
Portugal deseñada polos socios de PROAMARE correu a cargo do secretario xeral
do CETMAR, Julio Taboada, e do técnico do proxecto Gonzalo Borrás, mentres que
do tramo portugués falou Carla Gomes, representante do CIM Alto Minho.
O itinerario entre Vigo e Viana do Castelo prevé dúas horas
de navegación a bordo de embarcacións de alto valor patrimonial percorrendo 17
millas náuticas pola Ría de Vigo ata Baiona, para proseguir por terra ata Viana do Castelo e
volver á auga para cruzar o río Miño entre A Guarda e a localidade portuguesa
de Caminha.
Durante todo o traxecto a ruta permite disfrutar do
patrimonio marítimo achegando ao viaxeiro a diferentes puntos de interese como
o Museo do Mar de Galicia, Faro Troitiño, Illas Cíes, Monteferro, Fortaleza de
Monterreal, Santa Tegra e, xa en Portugal, os fortes do Cao e da Insua, o
miradoiro de Santa Luzia ou o navío museo hospital Gil Eannes.