A duodécima edición da Guía Proensa 2014, recentemente
publicada, valora con 90 puntos ou máis a 16 viños da Denominación de Orixe
Ribeiro. Dende a edición do ano pasado, a publicación modificou os criterios de
selección dos viños, incluíndo só os viños que alcancen ou superen os 90 puntos
debido ao aumento de calidade nos viños (non a partir de 80 puntos como se
levaba facendo as 10 primeiras edicións).
Na guía, pódese ler dos viños da D.O. Ribeiro, tintos ou
brancos, que “están consolidados nun nivel de calidade admirable, moi superior
ao da maior parte das zonas”, así como tamén se resalta que “as variedades
autóctonas, os coidados nas elaboracións e o aspecto coa óptima mestura de uvas
coa que os adegueiros poñen a súa sinatura nos viños, son os factores que
explican a boa saúde dos Ribeiros de calidade”. Pola súa banda, valoran
positivamente os tintos “é xusto destacar a progresión que están
experimentando”.