A Deputación de Lugo enviou este
luns o modelo de adhesión ó convenio para a declaración da Ribeira Sacra como
Patrimonio da Humanidade a medio milleiro de institución e colectivos da
provincia, entre os que se atopan os 67 Concellos lucenses, ó tempo que o
publicou na súa páxina web, www.deputacionlugo.org,
para que todos os interesados poidan sumarse. Faino tras aprobar este modelo de adhesión na
Xunta de Goberno Provincial o pasado venres, data na que o Presidente, José
Ramón Gómez Besteiro, remitiu unha carta ó seu homólogo en Ourense, Manuel
Baltar Blanco, dándolle conta deste acordo.
Gómez Besteiro cumpre o seu compromiso
de sumar todas e cada unha das institucións, colectivos e entidades lucenses ó
convenio aberto á participación asinado polas Deputacións de Lugo e Ourense,
xunto ó Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, para o impulso conxunto da
candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
Paralelamente, a Deputación de Lugo
continuará coa campaña de sensibilización cidadá e recollida de sinaturas,
levando o autobús rotulado coa Ribeira Sacra por distintos puntos de Galicia e
España durante o 2014.
Farao logo de superar as 6.000
firmas no libro oficial da UNESCO, que recompilou nos Concellos de Lugo,
Monforte de Lemos, Ribas do Sil, Chantada, Taboada, Portomarín, Carballedo,
Paradela, Bóveda, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Quiroga e Sober, onde
estivo o autobús.