Declaración de emerxencia das actuacións para a recuperación do Santuario da Virxe da Barca

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a declaración de emerxencia das actuacións necesarias para a recuperación integral do Santuario da Virxe da Barca, unha rehabilitación que, segundo indicou, “se fará no menor tempo posible do que sexamos capaces”. Así o sinalou na rolda de prensa do Consello da Xunta, que hoxe abordou un informe sobre a tramitación de emerxencia do expediente de contratación da elaboración do proxecto básico e de execución para a rehabilitación do templo de Muxía. “Estamos traballando para facer ese proxecto construtivo de rehabilitación integral”, afirmou Feijóo, destacando que “estamos traballando e se vai seguir traballando sen pausa na recuperación integral do templo da Virxe da Barca de Muxía”. 

O mandatario galego recoñeceu, na súa intervención, que o incendio é “un duro golpe que será inesquecible por moito tempo para toda a Costa da Morte, para Muxía, para Galicia e para todos os que queren a Galicia”, posto que se trata dun ben que ten un enorme valor, tanto cultural e relixioso, como turístico e económico, ou sentimental. Un valor cultural e relixioso, explicou, porque A Virxe da Barca “é un dos santuarios máis antigos e máis arraigados no patrimonio de Galicia”; un valor turístico, porque “é o principal atractivo de Muxía e un dos principais atractivos da Costa da Morte”, sinalou, lembrando que moitos peregrinos deciden continuar o seu Camiño desde a Catedral de Santiago ata este templo de Muxía; e un valor “sentimental, non só para os veciños de Muxía, para os veciños da Costa da Morte, non só para os crentes ou non crentes, senón para todos aqueles que teñen unha querencia por Galicia, sexan galegos ou non”, abundou.