O presidente
do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reiterou hoxe o compromiso da Xunta co
Santuario da Virxe da Barca e avanzou a licitación de forma inmediata do
proxecto de rehabilitación e reconstrución integral do templo. “De forma
inmediata, o Goberno galego acaba de adoptar a decisión de licitar o proxecto
construtivo, que ten que ser un proxecto meticuloso e cunha solidez técnica
adicional para proceder de forma inmediata, posteriormente, á rehabilitación e
reconstrución total do tempo”, explicou.
Feijóo
afirmou, deste xeito, que se executará a rehabilitación, a construción e a
reconstrución arquitectónica do templo, se ben, recoñeceu que, neste momento, o
prioritario é apuntalar o edificio, reconstruír a cuberta e facer unha limpeza
integral ao que engadiu a necesidade de esperar ás valoracións dos técnicos de
Patrimonio, que levan traballando desde onte no lugar.