Galicia rexistrou entre xaneiro e novembro
deste ano a segunda taxa de crecemento na cifra de viaxeiros aloxados en
establecementos hoteleiros de todo o Estado. Só a comunidade de Navarra supera
o crecemento do 5,1% en viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros
rexistrado en Galicia. A cifra de pernoitas nos once primeiros meses de 2013
tamén subiu un 1,8% a respecto da cantidade rexistrada no mesmo período do ano
pasado.
Galicia rexistrou así de xaneiro a novembro
máis de 3,2 millóns de viaxeiros aloxados en hoteis e pensións que efectuaron
máis de 6,5 millóns de pernoitas. A variación interanual no conxunto do Estado
foi do 0,7% na cifra de viaxeiros e do 1,6% na de pernoitas neste mesmo período
en comparación cos once primeiros meses de 2012. Ata o mes de novembro, o
mercado estranxeiro presenta crecemento
da cifra de viaxeiros aloxados do 12,1% e da cifra de pernoitas do 8,7%.
Galicia rexistrou no pasado mes de novembro un
total de 184.124 viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros, isto é, un
3,1% máis que no mesmo mes do ano pasado. A cifra de pernoitas subiu tamén un
1,8% a respecto de novembro de 2012 con máis de 384 mil rexistradas.
Rexistranse, asemade, subas no turismo interno
do 3% e do turismo nacional dun 2,6%, no relativo ás pernoitas rexistradas. A
cifra de viaxeiros internacionais recibidos nos establecementos hoteleiros
galegos medrou tamén un 4,5%. Os hoteis de 3 ou máis estrelas son os que
rexistraron mellores resultados, con subas de ata o 10% nas pernoitas.