Oficialmente os viaxeiros increméntanse, pero os hostaleiros seguen a velas vir

Os establecementos extrahoteleiros galegos rexistraron no mes de novembro de 2013 un 8,3% máis de viaxeiros que os contabilizados no mesmo mes do ano pasado; de igual modo, a cifra de pernoitas rexistrou unha suba do 5,7% con respecto ao mesmo período de 2012. Así, as casas de turismo rural de Galicia rexistraron en novembro un 12,9% máis de viaxeiros e un 13,2% mais de pernoitas. Fronte aos datos oficiais, os hostaleiros galegos seguen a velas vir.

De igual modo, o cómputo global dos establecementos regrados, que inclúe tamén  apartamentos turísticos, cámpings, hoteis e pensións, rexistraron un incremento na cifra de viaxeiros aloxados do 3,4% en conxunto e un aumento nas pernoitas rexistradas en novembro do 2% a respecto do mesmo mes do ano pasado. O turismo nacional rexistrou no mes de novembro un incremento do 3,1% con respecto ao mesmo mes do ano pasado.

Doutra parte, se se teñen en conta os datos rexistrados entre xaneiro e novembro deste ano, a cifra de viaxeiros aloxados en establecementos regrados de Galicia medrou un 4,5% e a de pernoitas neste tipo de aloxamentos subiu un 1,3%. Entre xaneiro e novembro, Galicia rexistrou un total de 3.616.009 viaxeiros que efectuaron 7.719.237 pernoitas en establecementos regrados, isto é, en hoteis, pensións, casas de turismo rural, apartamentos turísticos e cámpings.


No acumulado do ano, o incremento da demanda prodúcese basicamente por unha mellora importante do turismo internacional, que acumula un crecemento do 10,7% no que se refire á cifra de viaxeiros e do 7% no que atinxe ás pernoitas. O mercado internacional cada cotas do 24,7% do total de viaxeiros rexistrados e do 20,3% das pernoitas contabilizadas entre xaneiro e novembro deste ano. Así, este segmento ten acadado máximos históricos con case 900 mil viaxeiros aloxados e con preto de 1,6 millóns de pernoitas.