O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano 2014. Este
documento establece unha serie de normas para realizar a actividade extractiva,
como por exemplo, épocas e días máximos de extracción e zonas de traballo. É
dicir, establece o réxime preciso para permitir a explotación marisqueira na
comunidade galega coas garantías dunha boa xestión do recurso, tendo en conta
os datos e informes científicos dispoñibles.
Dos 208 plans aprobados no marco desta folla
de ruta, 44 son plans de explotación en autorizacións, 51 son plans
específicos, 35 son para a extracción de percebe e 20 para a de ourizo. Ademais
27 son plans de solénidos, 6 son para extracción de peneira, 20 para algas e 5 para
extracción de anémonas.
Por zonas, cabe destacar como novidade que por
primeira vez dende o ano 2007, as confrarías de Ferrol e Barallobre presentaron
plans de explotación. A consellería aprobou dous plans conxuntos entre ambas
entidades: un plan para zonas de autorización e un plan específico de
explotación para zonas de libre marisqueo. Ata agora a xestión realizábase como
unha zona de libre marisqueo e mediante autorizacións mensuais. Ademais na ría
de Vigo apróbase un plan único presentado polo conxunto das entidades
asociativas do sector.
Neste ámbito cabe destacar como novidade que o
boi será regulado no seu momento por un plan de xestión específico -non
íncluído nesta orde- do mesmo xeito que no caso do polbo e da centola.
En relación a outros crustáceos o Plan
establece que está permitido capturar nécora do 1 ao 4 de xaneiro e do 1 de
xullo ao 31 de decembro. No caso do lumbrigante, o período autorizado de
captura vai do 1 de xaneiro ao 31 de marzo e do 1 de xullo ao 31 de decembro. Para
este ano, a diferencia de 2013, o período de captura prolóngase os meses de
outubro, novembro e decembro. Este cambio realízase debido ao seu interese
comercial e á demanda nos mercados e faise tendo en conta os datos científicos.
No caso da lagosta, esta poderá extraerse
entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro. En relación ao santiaguiño, o plan
establece que se poderá capturar do 1 de
outubro ao 31 de decembro. Ademais especifica que o conguito, o patulate e o
cangrexo se poderán extraer durante todo o ano.