A peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago no Parlamento Europeo

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez e mais o presidente do Intergrupo do Parlamento Europeo Camiños de Santiago, Francisco Millán Mon inauguraron hoxe nas dependencias do Parlamento Europeo a exposición O signo do Tau e da Vieira. De Asís a Santiago de Compostela seguindo a San Francisco, que se enmarca no actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago. Á inauguración acudiron un notable número de eurodeputados e de funcionarios do Parlamento e doutras institucións da Unión Europea.

Trátase dunha mostra que ilustra o percorrido entre a cidade italiana de Asís e Santiago de Compostela incidindo nos lugares e signos franciscanos. O presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e catedrático de Cultura Hispánica da Universidade de Perugia, Paolo Caucci Von Saucken é o comisario desta exposición.

Durante o acto inaugural, a directora de Turismo explicou que San Francisco de Asís ten contribuído coa súa vida e obra a que Santiago de Compostela sexa hoxe un destino de peregrinación mundial. “O santo de Asís entendeu o Camiño non como unha meta, senón como o principio dunha peregrinación e o comezo dunha nova vida na que todos somos peregrinos”, matizou.


Segundo explicou Nava Castro, o legado espiritual de San Francisco permanece intacto nestes oito séculos e entronca coa tradición xacobea, conformando parte do noso imaxinario colectivo. “Foi na basílica compostelá onde, tras pasar a noite en oración, lle foi revelado a San Francisco que a súa Orde debía ocupar moitos lugares no mundo. Así, o santo comezou a fundar conventos”, comentou.