O martes preséntase o Plan Termal de Ourense

A Deputación de Ourense presentará o vindeiro martes, 4 de febreiro, no Teatro Principal, o plan “Ourense é a provincia termal”, que está a elaborar conxuntamente co goberno galego, a proposta do presidente da institución provincial, Manuel Baltar, para diferenciar a este territorio como a provincia termal por excelencia de Galicia. O acto estará presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e contará coa presenza do titular do ente provincial, Manuel Baltar. Na presentación daranse a coñecer os obxectivos e as liñas estratéxicas do plan termal “para pasar das palabras aos feitos nun asunto de relevante importancia para o impulso económico da provincia de Ourense”, afirma Manuel Baltar.

Recentemente, Baltar mantivo unha xuntanza de traballo con Mario Crecente, responsable da consultora que está a elaborar o plan termal, logo do acordo acadado entre Baltar e Núñez Feijóo para implicar ao goberno autonómico no desenvolvemento dunha das áreas estratéxicas de Ourense. Manuel Baltar destaca a importancia deste plan por canto supón traballar nunha das principais singularidades da provincia de Ourense: o termalismo, e faise necesario poñer en marcha un ente que coordine todas as actuacións do plan director e que faga o seguimento do mesmo. O presidente da Deputación deixou claro que a planificación e estratexia "son básicas para acadar os obxectivos propostos nun horizonte que debera rematar en 2020 coa finalización do novo escenario dos fondos comunitarios, fundamentais achegas económicas para a concreción das medidas que deben implementarse".


O termalismo é unha prioridade para a Deputación, e como tal figura no plan Ourense 92 de xestión e estratexia operativa. Os orzamentos de 2013 incorporaron por primeira vez unha partida específica coa denominación de "Termalismo", determinante tanto para a elaboración deste plan como para poñer en marcha o programa de "Termalismo saudable". E nos orzamentos de 2014 incrementouse esa partida.