O Puzo do Lago, en Maside, novo Espazo Natural de Interese Local

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o Plan de conservación do espazo natural de interese local (ENIL) Puzo do Lago, situado no Concello ourensán de Maside, que se converte no primeiro declarado definitivamente na provincia de Ourense e no terceiro en Galicia tras o ENIL de Xunqueira de Alba (Pontevedra) e Loio-Ruxidoira, no Concello de Paradela (Lugo).

O interese natural do ENIL Puzo do Lago radica na súa diversidade vexetal, con especies autóctonas que, xunto co resto de fauna, flora e patrimonio arqueolóxico, entre outros aspectos, configuran un conxunto paisaxístico de 30,60 hectáreas merecedor dunha protección especial que o ampare e o conserve, ademais de rexenerar os valores  degradados pola actividade humana.


Entre os valores naturais deste espazo destacan unha lagoa artificial que representa un importante ecosistema de humidal conservador; a presenza da vexetación máis característica de Galicia, a carballeira atlántica; é unha área que presenta un alto valor arqueolóxico, ao albergar un exemplo de explotación mineira da época romana.