Ourense termal

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse co delegado en Galicia do Colexio Nacional de Xeólogos, Jesús Gómez Besteiro, e co delegado adxunto, Pedro Araújo, para establecer liñas de colaboración entre a delegación dos xeólogos galegos e a Deputación de Ourense no marco do Plan Termal provincial que está a elaborar o goberno provincial.

Dende a Deputación de Ourense consideran de vital importancia contar coas achegas técnicas que poidan aportar os xeólogos de Galicia. Precisamente a xuntanza tiña como finalidade inaugurar unha etapa de colaboración co Colexio de Xeólogos tendo ao termalismo como primeira liña de traballo.

O termalismo é un dos potenciais máis característicos da provincia de Ourense, razón pola que Baltar Blanco convidou aos xeólogos a asistir á presentación do Plan Termal provincial, que terá lugar proximamente, documento que a Deputación de Ourense está a elaborar conxuntamente coa Xunta de Galicia, para que a partires desa presentación o Colexio de Xeólogos teña un papel destacado no desenvolvemento e execución do dito Plan Termal.