Os bateeiros que pararon a actividade durante
máis de catro meses consecutivos ou que sufriron perdas de máis do 35% do
volume anual de negocios da empresa no 2013 debido aos peches por biotoxinas
poderán acceder ás axudas que convocará a Xunta proximamente. Anunciouno esta
tarde ao sector a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na
reunión da Comisión do Mexillón celebrada en Santiago, onde sinalou que o seu
departamento destinará a estas subvencións 1,5 millóns de euros.
O obxectivo destas achegas, cofinanciadas polo
Fondo Europeo da Pesca nun 75%, é compensar aos produtores de moluscos a parada
temporal da actividade no 2013 como consecuencia das biotoxinas mariñas. Poderán
acceder a elas os titulares de concesións de establecementos de acuicultura que
realicen a súa actividade en Galicia e que cumpran estritamente cos
requerimentos da orde, que segundo sinalou a conselleira, está en tramitación e
sairá proximamente publicada no Diario Oficial de Galicia.
A porcentaxe de perda de produción pola parada
da actividade sobre o volume anual de negocios da empresa debe calcularse sobre
a base do volume de negocios medio da empresa durante os tres anos anteriores
(2010, 2011 e 2012). A contía da axuda a percibir representará como máximo o
60% da perda sufrida.