Exportacións galegas, in crescendo

O Consello da Xunta aprobou dous novos convenios da Consellería de Economía e Industria por valor de 2,5 millóns de euros que impulsan a saída ao exterior das empresas de Galicia, que vén de acadar o seu record histórico en exportacións en 2013. Así, aprobouse un primeiro convenio de 2 millóns que dá continuidade á Rede Pexga en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) co obxectivo de consolidar a plataforma internacional e impulsar o importante labor desempeñado ata o de agora; e un segundo convenio de medio millón no ano 2014, coa Rede de Asociacións de Empresarios Galegos no Exterior, que busca aproveitar o gran potencial dos galegos asentados fóra como captadores de novas oportunidades para o tecido galego.

Desde a creación da rede Pexga sumáronse máis de 1.500 novas empresas galegas exportadoras fronte ás 700 previstas inicialmente, duplicando os obxectivos fixados e chegando ás 6.400 empresas galegas que sairon ao exterior.

O 70% das novas empresas exportadoras decidiron exportar a países que contan cunha plataforma da Rede Pexga, mentres que as vendas a estes destinos medraron nun 20%. Tamén cumpriuse o obxectivo nas exportacións, xa que se incrementaron en máis de 4.400 millóns fronte aos 3.400 millóns marcados como meta.

Durante a vixencia do convenio, as oficinas da Rede realizaron preto de 14.000 accións ou servizos a prol das empresas galegas en América Latina, que focalizaron máis do 54% do total das accións realizadas. Neste mercado destacaron Brasil e Colombia ao rexistrar cada unha delas máis dun 18% das actuacións.


O traballo desempeñado a través da Rede, xunto a outro tipo de ferramentas impulsadas pola Xunta en colaboración co tecido empresarial, contribuíu a que Galicia acadase en 2013 o seu récord exportador, sumando 18.419,6 millóns de euros en vendas ao exterior. Neste sentido, o peso das exportacións sobre o PIB de Galicia pasou dun 27% a un 33% nos últimos cinco anos. Sobre esa base, o Goberno galego proponse como nova meta que as vendas ao exterior supoñan o 38% do PIB da Comunidade en 2020.