Consello Executivo da Organización Mundial do Turismo en Galicia

Galicia acollerá por primeira vez o Consello Executivo da Organización Mundial do Turismo, segundo se anunciou hoxe ao término da reunión do Consello de Ministros. A capital de Galicia será a sede da reunión número 98 do Consello Executivo da OMT. As datas fixadas para a reunión son o 4, 5 e 6 de xuño e as sesións de traballo terán lugar no Hostal dos Reis Católicos.

A reunión do Consello Executivo enmárcase nos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela, un extenso programa cultural, expositivo, científico e congresual que se celebra en Galicia entre mediados de 2013 e mediados de 2015 para conmemorar esta efeméride.


A mesa do Consello Executivo para 2014 está presidida por Indonesia e vicepresidida por Jamaica e Monzambique. Conta con 32 membros. Agárdase a presenza no Consello Executivo 2014 en Santiago de Compostela dunha decena de ministros dos Estados representados.