A cifra de viaxeiros aloxados nos
conxunto da oferta regrada de Galicia foi de 151.887 no mes de febreiro, o que
implica unha suba do 4,3% con respecto dos rexistrados en febreiro de 2013. De igual modo, rexistráronse subas no volume de viaxeiros procedentes do
mercado nacional do 6% no conxunto da oferta regrada e tamén no relativo á
estadía media nos establecementos extrahoteleiros, que se sitúa en dúas noites,
un 11,4% máis que a rexistrada en febreiro do ano pasado.
Tendo en conta os datos do segmento hoteleiro –hoteis e pensións-, Galicia
rexistrou un total de 145.066 viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros
da comunidade durante o pasado mes de febreiro, esta cifra implica unha suba do
5,1% a respecto da cantidade total de viaxeiros rexistrados no mesmo mes do ano
pasado. As pernoitas rexistradas nos hoteis e pensións de Galicia durante este
período foron 270.073.
De igual modo, os establecementos hoteleiros galegos rexistraron en
febreiro subas na ocupación media deste tipo de aloxamentos. Así, medrou 0,37
puntos porcentuais a ocupación media en relación a febreiro do ano pasado e
medrou 2,63 puntos porcentuais a ocupación en fin de semana a respecto da
contabilizada no mesmo mes de 2013.
Destaca o comportamento positivo rexistrado nos hoteis onde sobe a cifra
de viaxeiros aloxados un 6,6% e o nivel de pernoitas un 1,9% en relación ao
pasado ano. Son os segmentos de categoría media e alta onde se producen os
crecementos máis destacados. Increméntase o volume de viaxeiros un 7,0% nos
hoteis de catro e cinco estrelas e un 8,4% nos hoteis de tres estrelas.
En febreiro subiu tamén a cifra de viaxeiros nacionais. O volume de
viaxeiros nacionais residentes en Galicia que se aloxaron en establecementos
hoteleiros medrou un 3,9% e o volume de viaxeiros procedentes doutras
comunidades autónomas medrou un 10% por riba dos rexistrados en febreiro de
2013.
Galicia mellora tamén neste segundo mes do ano o nivel de rendibilidade
empresarial, dado que o ADR –a tarifa media diaria por habitación ocupada- sobe
un 0,5% e o RevPAR – o ingreso medio diario por habitación dispoñible-
increméntase un 3,3%.
Segundo os datos da enquisa Egatur, o gasto dos turistas estranxeiros
en Galicia neste mes de febreiro superou os 35,1 millóns de euros, o que
implica unha suba do 9,6% con respecto ao mesmo mes do ano 2013. No acumulado
do ano, o gasto sitúase nos 101,2 millóns de euros, superando a cifra dos dos
primeiros meses do 2013 nun 28,1%.
A cifra de pernoitas en establecementos extrahoteleiros no que vai de ano
acadou as 25.048, o que implica unha suba a respecto das rexistradas en xaneiro
e febreiro de 2013 do 7%. Tamén no cómputo dos dous primeiros meses deste ano
se rexistra un incremento da estadía media no conxunto da oferta extrahoteleira
que supera o 13% e sitúase nas 2,17 noites.