Galicia estivo no II Foro de Turísmo de La Razón

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez interveu en Madrid no II Foro de Turismo ‘La Razón’ centrado nas potencialidades do sector como motor da economía. No seu relatorio, a directora de Turismo estivo acompañada polo xerente de Balnearios de Galicia, Benigno Amor e mais pola directora da axencia de receptivo Tee Travel, Mar Rodríguez.

Nava Castro explicou na súa intervención que o turismo representa o 10,6% do PIB e o 11,23% do total do emprego na comunidade galega, polo que se considera un sector estratéxico e motor doutros sectores económicos para Galicia. Destacou, ao tempo, a importancia da colaboración público-privada e a aposta pola calidade como elemento diferencial. De igual modo, afondou nas liñas do Plan Integral de Turismo de Galicia e na importancia de desenvolver turisticamente as grandes fortalezas do destino Galicia e de crear novos produtos baseados nos principais recursos para conseguir diminuír a estacionalidade da demanda.


A respecto dos novos produtos turísticos, Nava Castro resaltou que o seu desenvolvemento está baseado nos recursos sustentables e nos elementos diferenciais do destino Galicia como o Camiño de Santiago, o patrimonio, a auga, a natureza, a enogastronomía, así como na potenciación de novas alternativas de transporte turístico como os trens turísticos ou no desenvolvemento de destinos intelixentes.