Galicia na Rede Natura

O mandatario galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe, tras o Consello da Xunta, que Galicia se converte na segunda comunidade de España e na primeira do arco atlántico en contar cun Plan Director da Rede Natura adaptado á normativa comunitaria. “Acabamos de autorizar o Plan Director da Rede Natura e a declaración como zonas de especial conservación dos 59 Lugares de Importancia Comunitaria existentes na comunidade”, adiantou, precisando que o ámbito territorial do Plan Director corresponde, ademais, de a estas 59 zonas, ás 16 zonas de especial protección para as aves (ZEPA).


En total, serán case 400.000 hectáreas en 215 concellos, o que supón unha protección de Rede Natura do 12% do total do territorio da comunidade galega, que poderán ser xestionadas a través dun marco normativo claro con dous obxectivos fundamentais: a súa protección efectiva e a harmonización da conservación cos usos e aproveitamentos necesarios que garantan o desenvolvemento das poboacións asentadas en Rede Natura.