Medio Rural destinou 2,1 millóns de euros ao apio dos consellos reguladores en 2013

A Consellería do Medio Rural e do Mar destinou no 2013 un total de 2,1 millóns de euros a apoiar aos consellos reguladores de produtos alimentarios de calidade diferenciada. Estes fondos destináronse a actividades de promoción e información, de comercialización e a sufragar os gastos de funcionamento destes organismos. Así o destacou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, nunha xuntanza cos representantes dos consellos reguladores galegos.

A conselleira felicitou a estas entidades polo seu labor e por conseguir –dixo– que a palabra “Galicia” siga a ser “un sinónimo de calidade e bo facer, de conxunción entre a innovación e a tradición, unha palabra que provoque lembranza e garantía de degustar uns produtos que nos enchen de satisfacción e sabores inigualables”.

Rosa Quintana destacou que estes consellos reguladores aglutinan na nosa Comunidade un total de 31 produtos do sector agroalimentario e pesqueiro, “que amparan desde viños e augardentes ata produtos da horta, pasando por carnes, queixos, mel, repostería, castaña ou produtos do mar” coma o mexillón de Galicia. Sinalou tamén que estes produtos “constitúen un dos principais atractivos do turismo que nos visita e pasa a converterse en embaixador das nosas excelencias culinarias”.


A titular de Medio Rural e Mar fixo fincapé tamén no valor económico que xeran estas producións, sinalando que acadou un importe superior aos 320 millóns de euros no último exercicio pechado dispoñible, o de 2012.