Plan de investimentos conxuntos para a Eurorrexión

A Xunta acaba de informar das liñas de actuación do recentemente aprobado Plan de investimentos conxuntos da Eurorrexión (PIC), grazas ao cal a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal fará fronte ao período de programación comunitaria 2014-2020.

O Plan de investimentos conxuntos estrutúrase en catro eixes de traballo, en que o primeiro deles avoga por unha Eurorrexión innovadora que aposta pola investigación e a transferencia; o segundo dos eixes de traballo aposta polo emprego, co obxectivo de converter a Eurorrexión nun territorio atractivo para o investimento produtivo e de fomentar a súa internacionalización económica.


O terceiro eixe céntrase na Eurorexión coma cabeceira en calidade ambiental e patrimonio, mediante a posta en valor e a protección do patrimonio natural e cultural do sistema urbano policéntrico, promovendo a eficiencia dos recursos ambientais. E o cuarto eixe pretende unha Eurorrexión que sexa exemplo en que as súas administracións públicas e as súas institucións estean ao servizo dos cidadáns, promovendo a cooperación transfronteiriza entre administracións públicas como instrumento eficaz para mellorar a calidade de vida da cidadanía.