Un millón para a internacionalización de Pemes

A Xunta de Galicia, na súa aposta pola internacionalización do tecido empresarial galego como un dos piares do crecemento económico, destina un millón de euros ao Plan de fomento das exportacións galegas (Foexga), que este ano impulsará os avances das empresas da comunidade en máis de 50 mercados exteriores en colaboración coas cámaras de comercio. 

No marco do convenio aprobado polo Consello da Xunta, o Foexga impulsará tanto a posta en marcha de misións empresariais en mercados prioritarios como as accións de acollida de misións de países que visitan Galicia con intereses comerciais, así como a presenza das empresas galegas en grandes feiras internacionais. 

A Consellería de Economía e Industria, dentro do importante esforzo que está a realizar para impulsar a internacionalización das pemes galegas, incrementa este ano do 60% ao 90% a porcentaxe de apoio ás empresas que participen nas actuacións previstas no marco do plan, que se espera cheguen a medio milleiro.


O Plan Foexga, que incide na cooperación entre as empresas galegas como panca para a súa chegada a novos mercados, complementa os servizos de apoio que achega a Rede Pexga, á cal a Consellería de Economía e Industria destina 2 millóns de euros en 2014 co obxectivo de consolidar o importante labor desempeñado ata o de agora, así como aos diferentes programas postos en marcha cada ano a través do Igape para promover a internacionalización.