A ocupación en Semana Santa en Galicia superou en 9 puntos á do ano pasado

Unha enquisa realizada pola Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia indica que a ocupación media durante a Semana Santa acadou o 55,7 % para o conxunto dos hoteis en Galicia, superando en 3,4 puntos porcentuais as previsións iniciais e situándose 9 puntos por riba da ocupación media do 46,4 % rexistrada na Semana Santa do ano pasado en toda Galicia, segundo informa a Xunta de Galicia.

Segundo os datos deste estudo, apréciase neste período unha recuperación do turismo nacional ao mesmo tempo que se rexistra un incremento na rendibilidade do sector. Ademais, rexistrouse unha ocupación máis elevada nos establecementos de maior categoría, de modo que os hoteis de catro e cinco estrelas situaron a ocupación media no 69%. No resto das categorías a ocupación oscilou entre o 48 dos establecementos dunha estrela e o 53 % dos establecementos de 3 estrelas.


No nivel provincial, Ourense rexistrou unha ocupación media do 71,7 %. En Lugo a ocupación acadou o 69,9 %. Na Coruña a ocupación situouse no 57,3 % e en Pontevedra no 48,5 % de media. O 69,5 % dos hoteis consultados sinalaron que os seus resultados foron mellores ou iguais que na Semana Santa do ano pasado. O 42,1 % sinala que os resultados foron mellores.