A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa
Quintana, destacou o importante papel da Estación de Viticultura e
Enoloxía de Galicia (Evega) no eido da investigación, o desenvolvemento e a
innovación, así como na transferencia de coñecementos cara a viticultura
galega. Foi en Ribadavia, na clausura dunha xornada sobre manexo do solo e
fertilización do viñedo organizada pola Evega co apoio do Consello Regulador da
Denominación de Orixe Ribeiro e na que se puxo de
manifesto a necesidade da posta en valor, na práctica, dos esforzos dos
investigadores neste sector.
Rosa Quintana indicou que a Evega asume así o
compromiso de converterse “nun centro no centro do sector, que axilice a
transferencia de coñecementos” cara a viticultura da nosa Comunidade. A conselleira sinalou que este compromiso
materialízase tamén nunha aposta pola calidade e dixo que a unión entre o
sector, a Administración e os investigadores vai na liña de “conseguir que a
viticultura galega siga a ter a calidade que a caracteriza e sexa ademais
sustentable, tanto medioambiental como economicamente”.
A titular de Medio Rural e Mar afirmou que
estas xornadas son necesarias porque “poñen en concordancia por unha banda as
novas tecnoloxías e os resultados das últimas investigacións e, pola outra, a
experiencia práctica do sector”.