Más de 5 millóns para a reconversión de viñedos

A Consellería do Medio Rural e do Mar destina 5,5 millóns de euros a axudas para a reconversión e reestruturación de viñedo para este 2014. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras destas subvencións e a súa convocatoria para 2014.

Estas axudas teñen por obxecto a posta en marcha de plans de reestruturación e reconversión de viñedo na nosa Comunidade. Os beneficiarios destas subvencións son os donos de superficies adicadas á produción de uva para vinificación nas que se realicen actividade de reconversión varietal, reimplantación de viñedos ou melloras nas técnicas de xestión dos cultivos, co fin de mellorar a competitividade dos produtos vitivinícolas

Estas axudas diríxense a investimentos como o arrinque, preparación de solo, plantación, custos de cultivo, emparrados, desinfección, nivelación do terreo, socalcamento ou protección de planta nova, entre outros.

As solicitudes poderán presentarse en papel, cubrindo os correspondentes formularios que aparecen como anexos da Orde, ou na sede electrónica da Xunta: https://sede.xunta.es. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado a partir de mañá.